Trixesimo terceira fundación.
14 de decembro de 1669
Como outros máis en 1669, Antonio Barreiro de
Maguxe remexe nos papeis vellos acordándose de que súa nai María de Caxade
impuxera unha misa de fundación pola súa alma. María xa habería moitos anos que morrera, pero
o antigo libro de fundacións perdeuse, como xa tiñamos especulado, nun incendio
na reitoral. Así que Antonio tivo que renovar os documentos ante Antonio López
Rocha para a fabrica tivera de novo un documento sobre aquela misa que se tiña
que dicir por San Xoán.
Os Barreiro de Maguxe son unha familia xa
antiga da parroquia. Sabemos da súa presenza dende a primeira metade do s. XVI,
e incluso o apelido “do Barreiro” aparece na relación dos foreiros do señor de
Altamira en 1458. Precisamente, os Barreiro de Maguxe coñecémolos por mor dos
foros e a voces destes que o condado de Altamira lles fixeran.
En canto a María Caxade e o seu home, Juan
Barreyro, temos noticias de que foron xentes ben posicionadas no contexto
social e económico da parroquia de Ortoño na primeira metade do s. XVII. Juan
era fillo de Juan Barreiro “el viejo” de Maguxe, casado con Dominga González,
dos González da Condomiña. Por outro lado María de Caxade proviña de Santa María
de Luou. Levaban de mans do conde alo menos un tercio de todo o lugar, e non soamente
en Maguxe, se non que ademais tiñan moitas outras propiedades en outros lugares
de outras parroquias, ademais de Ortoño e Luou. No futuro voltaremos a este
matrimonio do que temos atopado novas interesantes na documentación.
María de Caxade deixara un ferrado e medio de
trigo que tiña que pagar Francisca García do Rial. Entre 1816 e 1829 é un tal
Manuel García de Rial o que paga a misa de fundación. Despois non sabemos quen
máis a pagou, pero pagouse ata 1868, unha data xa moi tardía para este tipo de
misas de fundación. En tempos de
Bernardo Crespo Varela, o derradeiro cura do s. XIX, Ramón García dos Ánxeles
presenteou escritura de redención da misa de María de Caxade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario